¿Quén
é?
Begoña Rodríguez Lovelle naceu no ano 1964 en
Ourense, cidade onde comezou a cursa-los estudios de Bioloxía
no vello Colexio Universitario, que despois rematou en Santiago
de Compostela. Fixo a súa tese de doutoramento sobre
solos de viñedo e as relacións solo-planta baixo
a dirección de Eduardo García-Rodeja, no Departamento
de Edafoloxía daquela Universidade. Parte dese traballo,
que como dixemos o mellor que hai sobre as características
dos solos de viñedo galegos e case o único que
hai sobre as esixencias nutricionais das nosas castes, foi publicado
no seu día por Caixa Ourense e inda hoxe é a referencia
para os que andamos nestas teimas.
Despois proseguiu a súa formación en Viticultura,
primeiro facendo o Curso de Viticultura e Enoloxía en
países cálidos que imparten cada certo tempo en
Xerez; despois traballou algún tempo en Alsacia perfeccionando
os seus coñecementos nas técnicas de análise
foliar e afondando na súa teima de sempre: as relacións
solo-planta.
De alí tirou para Piacenza, onde traballou un ano enteiro
con D. Mario Fregoni -Presidente de Honra da OIV- na Universidade
Católica. Completou a súa formación facendo
5 anos de estudios de post-doutoramento no INRA de Burdeos,
onde traballou en temas de tanta actualidade como os efectos
das cubertas herbáceas nas viñas e a xestión
da fertilización nitroxenada, entre outros aspectos da
agronomía vitícola. ¿O
seu labor?
En Burdeos a “ficharon” o Syndicat des Vignerons
des Côtes du Rhône e INTER RHONE. O Syndicat non
é un sindicato como pode parecer polo nome, senón
a asociación que agrupa a tódolos viticultores
acollidos a denominación e INTER RHONE, é a
interprofesional que agrupa a tódolos axentes sociais
implicados na OAC Côtes du Rhône (as nosas DO
en Francia son OAC, que é o acrónimo de Appellation
d’Origine Contrôlée). Alí o seu
traballo cubre tanto:
Labores de asesoramento técnico, xestionando as solicitudes
de axudas para a implantación de novas viñas,
porque en Francia as novas plantacións están
obrigadas a ter unha asesoría técnica que inclúe
análises de terras e un plano técnico asinado
por un técnico colexiado, que se encarga de visitar
as viñas e de certificar que se utilizan os portaenxertos
e castes autorizadas e que a nova plantación faise
conforme o plano técnico aprobado. Ademais se encarga
da xestión da implantación das viñas
para os agricultores do Syndicat, que é un labor máis
específico que inclúe dende análises
de terras, elaboración de consellos e plans de fertilización,
en base os análises foliares que alí fan anualmente.
Tamén
se encarga de colaborar co INAO –o equivalente ó
antigo INDO que se encargaba de autorizar e seguir o funcionamento
das Denominacións de Orixe- na revisión dos
límites xeográficos e nos labores de control
da OAC Côtes du Rhône. Tamén lle toca aporta-lo
soporte técnico para os Programas de Protección
da Paisaxe, que ten en marcha a OAC e o que lles están
dando moita importancia nun país e unha zona, na que
boa parte da promoción exterior baséase na identificación
entre ó viño, as viñas e as paisaxes
o que implica -entre outras cousas-, que tódalas zonas
afectadas por unha OAC, han de ter un Programa de Protección
das Paisaxes.
Ultimamente tamén lle toca traballar na identificación,
investigación, caracterización e delimitación
dos “terroirs”, labor que inclúe o asesoramento
as cooperativas no intre de solicitar que se ampare as súas
viñas con esa denominación, axudándolles
p.ex., a buscar argumentos e dados para xustifica-la orixinalidade,
tipicidade ou caracter diferencial dos seus térrenos.
Cando VITIGAL.com. lle pediu máis dados sobre esa labor
en relación o terroir, dada a actualidade dos conceptos
de “terroir”, pago, etc., consagrados na Nova
Lei do Viño, Begoña nos dixo que tamén
imparte a parte correspondente ó Terroir de Côtes
du Rhône no Master Internacional de Viticultura e Enoloxía
de Angers e que dirixe distintos proxectos de fin de carreira
que os alumnos presentan nos centros do INITA de Burdeos,
Montpellier e Toulouse.
Inda teríamos que falar da súa labor nos eidos
da Difusión e a Comunicación a que tanta importancia
dan os franceses, porque de cando en vez tócalle impartir
charlas, cursiños, etc., sobre diferentes temáticas
e técnicas de viticultura, a máis de facer un
labor importante de Comunicación e Organización
para as empresas adherentes a INTER RHONE, e todo eso sen
esquecer as súas participacións periódicas
en congresos nacionais e internacionais e as publicacións
técnicas e traballos que de cando en vez publican nas
revistas especializadas.
¿Como definirías
a túa traxectoria neste mundo da Viticultura?
En poucas palabras: diría que comecei na Universidade
ocupándome das relacións entre as viñas
e o solo, seguín formándome en diferentes centros
de Francia e Italia no eido da Ecofisioloxía e agora
trato de poñer eses coñecementos o servicio
dos productores, con unha labor qué inclúe tanto
labores de extensión e difusión dos coñecementos,
como de experimentación aplicada. En realidade tamén
podería resumi-la miña traxectoria profesional
dicindo que comecei na investigación e agora estou
máis ben en labores de extensión.
¿De que te sentes especialmente
orgullosa? (Nota dos
redactores de VITIGAL.com.: esta é unha pregunta que
fai arrebolar a Begoña, que non perdeu esa discreción
e modestia tan galega)
Podería dicir que me sinto orgullosa de ter realizado
ó primeiro -e único ata o momento- estudio detallado
sobre os solos e as relacións solo planta (variedades
e portaenxertos) nos viñedos galegos.
Si me apremas, podería engadir que tamén sinto
un certo orgullo por chegar a conseguir un lugar, unha consideración
e un certo recoñecemento da miña valía
profesional, nunha zona con tanta tradición vitivinícola
como a OAC Côtes du Rhône.
 terceira cousa podería debería ser o
labor no eido da Zonificación Vitivinícola,
porque estiven dende os primeiros tempos no Grupo Nacional
de Expertos que marcou as liñas para a Zonificación
Vitícola en Francia, e non o debín de facer
moi mal, porque arestora podo –podemos- presumir de
que unha dos tres membros expertos que representan a Francia
no Comité da OIV para a Zonificación Vitícola
é esta galeguiña, o que non está nada
mal, sobre todo nun país tan “chovinista”
como Francia.
¿Cales son as túas
perspectivas?
No plano persoal, teño que dicir que o fillo que levo
dentro sen dúbida, rematará de ancorarme neste
país, polo que terei que ir esquecendo os soños
de volver para a Terra.
No plano profesional, conto con poder seguir contribuíndo
e aportando -inda que sexa modestamente- coñecementos
e experiencias que axuden á evolución da viticultura.
Tamén me gustaría volver a investigación
e concretamente, a investigar en temas que poderían
resultar de interese para mellora-la Viticultura galega.
E para rematar ¿cal
é a túa ilusión?
Quizás podería dicir, que me sentiría
honrada se algún día alguén dixese de
min, que me esforcei e que contribuín –inda que
sexa modestamente- a poñer os medios, para que conseguir
que a Viticultura Tradicional ben feita, mantivera a súa
posición de privilexio, o seu lugar, o seu peso e a
súa importancia, no panorama vitícola mundial,
fronte ós avances da Viticultura Industrial, representada
polos novos países productores.
Sei que este é un tema do que non se fala moito en
Galicia, pero ó que se lle está dando unha grandísima
importancia en Francia, gran país exportador que se
ve cada vez máis ameazado polos avances dos novos productores
nos seus mercados tradicionais de exportación.
Son dúas filosofías enfrontadas: tradición
fronte a tecnoloxía e probablemente, o remate a virtude
estará nunha síntese das dúas, pero nesta
loita eu estou coa tradición, co empirismo, coa historia,
quizás por esa querencia conservadora que moitos asocian
ó caracter galego.
Biquiños para todos e especialmente para VITIGAL.com.
dende Avignón.
Begoña Rodríguez Lovelle
b.Rodríguez@syndicat-cotesdurhone.com
Nota de VITIGAL.com.: de cando en vez Begoña
terá o detalle de comentarnos o que s e coce alá
polas Costas do Ródano, xa que comprometeuse a colaborar
con VITIGAL.com.
|