¿Como
producir uvas de calidade para facer viño?.
Esta parte de VITIGAL inclúe un Cursiño de Viticultura
coa intención de proporcionar algunhas informacións
técnicas e prácticas sinxelas, pensadas para axudar
os productores –e tamén porque non, as persoas
que queren matar o tempo coidando dunhas cantas cepas- interesados
a producir uvas de calidade.
Por eso incluiremos tanto prácticas agronómicas
que poden axudar os productores a mellorar aspectos da producción
de uvas de moita importancia cando se trata de producir uva
para vinificación, como métodos sinxelos de control
para saber como van as cousas nos momentos clave do ciclo productivo.
Comezaremos por unha pequena introducción a fisioloxía
das videiras e da vinificación.
Despois irá unha parte na que revisaremos os parámetros
de calidade máis salientables, explanando cando e como
se poden medir, a forma en os afectan os labores na viña
(dos que tamén falaremos na última parte) e o
que podemos facer para mellorar cada un deses parámetros
para mellorar a calidade final da colleita.
Tamén nos ocuparemos daqueles aspectos (solos e clima)
do medio ambiente das viñas que máis inflúen
na calidade da colleita. Como algúns deses factores non
se poden modificar, compre telo presente antes de planta-las
viñas; en cambio hai sobre outros podemos influír
para que sexan máis favorables para unha viticultura
de calidade e en eles nos pararemos máis.
A derradeira parte dedicarémola a revisar os labores
que se fan na viña, parándonos naqueles aspectos
e xeitos de face-las cousas, que poderían axudar a mellora-la
calidade das nosas colleitas.
Tódolos análises e técnicas das que falaremos
o longo deste cursiño son moi sinxelas, xa que están
pensadas para que as poidan aplicar ou facer os productores
individuais cun mínimo de equipamento.
| INTRODUCCION:
A FISIOLOXÍA DAS VIDES |
| PARTE PRIMEIRA:
PARÁMETROS DE CALIDADE |
| |
Os Parámetros de Calidade máis
salientables
Algúns aspectos básicos. ¿Para
que medimos eses parámetros?. ¿Como
recollerémo-las mostras?
Resume esquematizado |
| PARTE SEGUNDA:
O MEDIO AMBIENTE |
| |
O Medio Ambiente das viñas en producción.
Principais Influencias do Ambiente.
Efectos sobre a Calidade.
Aspectos a valorar nas novas plantacións. |
| PARTE TERCEIRA |
| |
Cinco aspectos a considerar no manexo das viñas.
Planificación dos labores e controles. ¿Que
se pode facer para mellora-la calidade da colleita?. |
INTRODUCCION: BOTANICA E FISIOLOXIA DA VIDE
Nesta primeira parte de introducción
revisaremos os aspectos máis salientables da Botánica
e a Fisioloxía da vide, comezando pola Sistemática
e seguindo despois, por algúns aspectos que nos han
de interesar de Anatomía (e dicir, de como son as súas
partes) e a Fisioloxía (de como funcionan) da vide.
Algo de Botánica e Sistemática da vide.
Parece ser que a domesticación da vide debeuse producir
en Oriente Medio e máis concretamente en Armenia e
que se espallaría despois cara o oeste do mediterráneo.
Neste senso non parece haber moitas diferencias en relación
a outras froiteiras, xa que se pensa que algo parecido debeu
ocorrer co castiñeiro, as mazás, etc..
As máis das vides cultivadas pertencen o xénero
Vitis, que ten dous subxéneros a Muscadinia e a Euvitis,
sendo nesta derradeira entran tódalas que teñen
interese para a viticultura, coa única excepción
da Vitis rotundifolia.
Dentro do subxénero Euvitis hai tres subgrupos: as
asiáticas, as euroasiáticas e as americanas.
As asiáticas non teñen interese para a viticultura.
As euroasiáticas inclúen unha única especie
Vitis vinífera L. que abrangue tanto as vides silvestres
(Vitis vinífera silvestris) como a vide cultivada que
é a Vitis vinífera sativa. No subgrupo das vides
americanas hai unha vintena de especies, inda que as que máis
aportan a viticultura son a Vitis labrusca, Vitis riparía,
Vitis rupestris e a Vitis berlandieri.
Fisioloxía e morfoloxía da vide.
As raíces.
As raíces encárganse dalgúns traballos
de moita importancia para a vida das plantas: algúns
son ben coñecidos, xa que todo o mundo sabe que son
elas as que lles procuran as plantas case toda a auga e os
nutrientes minerais que precisan, pero outras non o son tanto
xa que pouca xente se decata de que tamén ancoran as
plantas no solo, ou de que son o almacén onde as cepas
gardan as sustancias de reserva (p. ex., o amidón)
para manterse na primavera seguinte, ata que a fotosíntese
nas novas follas abonde para atende-las necesidades da planta;
xa hai menos xente que saiba que é na raíz onde
se sintetizan as hormonas que logo fan o seu traballo noutras
partes da planta.
O caso é que inda que poden chegar a ocupar un volume
importante do solo -que equivale máis ou menos ó
volume ocupado pola parte aérea-, non lles prestamos
moita atención, quizás porque non se ven ó
estar soterradas. No caso das cepas as máis delas concéntranse
entre os 25 e ós 45 cm. de fondo, inda que a súa
forma e distribución depende moito do tipo de solo,
dos labores e da dispoñibilidade de auga; en cambio
-contra o que se ten dito as veces- non parece que inflúa
o tipo de patrón.
Ata onde sabemos na vida das raíces das vides hai 3
fases: unha primeira de espallamento que dura entre 7 e 9
anos que ven sendo o tempo que lle leva a cada cepa facerse
co volume de solo que lle corresponde; estabilizado; unha
fase adulta na que case non medran inda que seguen ramificándose,
e un período de vellez no que empezan a decaer.
Ata onde sabemos na vida das raíces das vides hai 3
fases: unha primeira de espallamento que dura entre 7 e 9
anos, o remate da cal o volume de solo ocupado pola raíz
pódese considerar estabilizado; unha fase adulta na
que case non medran inda que seguen ramificándose,
e un período de vellez no que empezan a decaer.
O crecemento das raíces localizase na punta das raíces
máis finas, das raíces que forman a chamada
“cabeleira”. Despois –a unha distancia de
entre 1 e 2 cm das puntas- está a zona pilífera,
así chamada polos pelos radicais que son as estructuras
encargadas da absorción da auga e os nutrientes. Eses
pelos viven pouco tempo, xa que se están renovando
continuamente para que a raíz poida explorar novos
volumes de solo; cando morren as células das que saían
recóbrense dunha capa de cortiza, que xa non é
permeable a auga nin os nutrientes.
As raíces medran buscando as partes do solo máis
ricas en auga, en osíxeno, en nutrientes. A querencia
polo osíxeno pódese apreciar moi ben nos solos
compactos ou húmidos: canto máis compacto (ou
húmido) é o solo, máis superficial e
subdividido é o aparato radicular; en cambio nos terreos
soltos, areosos, nos que a auga para pouco tempo, as raíces
afondan na procura da humidade. Tamén teñen
querencia a medrar cara as zonas máis frescas e ricas
do térreno, como saben moi ben os viticultores que
fan os gabiados.
As raíces tamén acusan a competencia das raíces
doutras plantas, como se comprobou nas experiencias nas que
se deixan medrar as herbas entre as liñas -que agora
se están poñendo de moda-, nas que se veu que
as cepas botaban menos raíces.
A actividade das raíces varía ó longo
do ano e así p.ex., sabemos que non espertan ata que
a temperatura do solo chega ata uns 10ºC; ademais tamén
sabemos que as secas reducen a súa actividade. Pero
e que ademais, independentemente desas circunstancias concretas
en que a súa actividade vese comprometida por factores
do ambiente, as raíces teñen a súa propia
pauta de comportamento, que inclúe unha fase inicial
de moita actividade –sempre que teñan substancias
de reserva dabondo-, que despois vai minguando durante a fase
vexetativa, para pararse case de todo o chegar o verano, coincidindo
coas fases de crecemento e maduración do acio.
Dende que se enxertan as vides a resultas da crise da filoxera,
traballase con cepas que son o resultado dunha enxerta, que
trata de facer compatibles dúas plantas con características
e comportamentos que poden chegar a ser bastante diferentes.
En calquera caso agora o importante e non esquecer que nas
cepas enxertadas tódalas funcións da raíz
pasan a ser cousa do “portaenxerto”, patrón
ou “bravo”, e que hai moitos tipos de patróns
cada un coas súas particularidades, tal e como veremos
máis adiante. As veces a vinífera non acepta
de boa gana a situación p. ex., condición de
moita humidade non é raro que o enxerto propiamente
dito se está en contacto coa terra bote raíces
adventicias (“franqueado”), que hai que eliminar.
O tronco.
O tronco e a parte permanente da cepa que se encarga de conectar
as raíces coas varas. Medra cada ano engadindo unha
nova capa de madeira, polo que o seu diámetro será
cada vez máis groso e nos dará unha idea da
súa idade.
No tronco hai varios tipos de células: na parte central
está a medula, rodeada polo xilema que é a parte
leñosa do tronco. O xilema contén células
alongadas que están vivas e que son coma caños
polos que se move a auga e os nutrientes cara arriba, dende
as raíces ata as ramas e follas. Arredor do xilema
está unha zona que os botánicos chaman cambium
ou cambium vascular, que é onde as células se
dividen e multiplican para que o tronco siga engrosando.
Despois ven o floema que tamén está formado
por células mortas alongadas e con forma de caños,
polas que se moven as substancias orgánicas máis
complexas (azucres, aminoácidos, ácidos orgánicos,
etc.) sintetizadas nas follas, que atravesan o tronco movéndose
cara a raíz.
Por fora do floema aínda hai outra capa protectora
de células mortas que forma o periderme ou cortiza.
|